Rede XIANA

Actualidade

atrás

10.11.2016

A Deputación da Coruña organizou onte un curso de fomento da cultura emprendedora

A Deputación da Coruña organizou o pasado mércores, 9 de novembro, no Pazo de Mariñán, unha xornada de fomento da cultura emprendedora dirixida a emprendedores de toda a provincia.

Esta iniciativa enmárcase dentro das accións do Plan de Emprego local (PEL) 2016-2019, co que o organismo provincial pretende contribuír á creación de postos de traballo no ámbito público e privado e á posta en marcha de novos proxectos empresariais baseados na innovación.

O encontro estivo dirixido a todas aquelas persoas con inquedanzas emprendedoras que busquen desenvolver competencias relacionadas con este ámbito. Así, os participantes aprenderon cuestións relevantes para desenvolver con éxito unha nova iniciativa empresarial como o deseño dun plan de empresa e dun plan financeiro, as axudas existentes para poñelo en marcha ou os aspectos de liderado, intelixencia emocional e xestión de equipos humanos necesarios para impulsar o seu proxecto.

 O presidente provincial, Valentín González Formoso, participou cos emprendedores nun café-networking no que estes intercambiarán ideas e experiencias sobre os seus proxectos de negocio. Ademais, as xornadas contaron con novidades como a creación de grupos de whatsapp e LindedIn dos asistentes e a descarga en tempo real da información das diferentes charlas a través de códigos QR para teléfonos móbiles.

 Os especialistas que participaron no foro foron: José Luís Cabarcos, director xeral de CEO Solutions e director do Executive MBA da Escola de Negocios de Afundacion, María del Carmén García, economista, axente de emprego e xerente da Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE), Fernando Soto, Business Mentor da Youth Business Spain (Fundación Ronsel), José Manuel Barco, sociólogo e responsable da Axencia de Colocación da Confederación de Empresarios da Coruña ata 2016, e Xurxo Arias, responsable de Recursos Humanos de Denso España, S.A.

© rede XIANA 2009 |  aviso legal